mércores, 7 de maio de 2025

O camiñante das Botas

 O alumnado de Educación Infantil para participar na actividade sobre toponimia fixo o seu roteiro.

A través dunha carta de Faiuco, que lles propuxo un reto, comezamos a indagar sobre a escultura escondida.

Faiuco deixoulles na porta das aulas un pequeno plano, da contorna da escola. Nel estaban marcados lugares coñecidos polos nenos e nenas, tales como a igrexa, o parque, a escola infantil...que lles axudaban a situarse.

Pero non só o vimos no mapa, saímos ao exterior.

A escultura do camiñante de botas está ao carón do famoso " Belén de Begonte " e forma parte das 19 esculturas que están espalladas polas parroquias do noso concello.

E con moito éxito chegamos ao noso obxectivo!!



E así, cos primeiros pasos, comezan as actividades sobre o plano da nosa contorna,



luns, 5 de maio de 2025

Obradoiro de croché

 Durante a semana do libro fixemos varias actividades enfocadas á lectura e ao formato do libro 📚

Unha delas foi o obradoiro de croché coa intención de crear bonecos a modo de personaxes de contos.

Pero, a que se debe o croché?

✔ Estimula a creatividade

✔ Desenvolve a paciencia e conexión consigo mesmo.

✔Fortalece a motricidade fina.

✔ Potencia a concentración e atención.

✔ Mellora a capacidade de ler e interpretar patróns.

✔Reduce o estrés

✔ Valorar o esforzo propio e a consecución de metas.

Unha actividade para o noso proxecto de Biblioteca creativa que ten por obxectivo ofrecer novos espazos e realidades ao alumnado. 

Neste caso, os nenos e nenas de Infantil e 1º ciclo de Primaria comezaron por coser unhas plantillas ( feitas na cortadora láser) e crear con total liberdade o seu propio monicreque. En cambio o alumnado de 5º e 6º EP iniciáronse no Amigurumi.

Amigurumi, boneco tecido, é unha moda xaponesa que consiste en tecer bonecos coa técnica do croché ou ganchillo.

Unha experiencia máis que deixa no noso alumnado a inquedanza de seguir aprendendo sobre novas formas de tecer.

Velaquí algunhas fotos do obradoiro


Moitas gracias á familia de Irati, Eva e Araceli, por vir á Casiña de Faiuco facer o obradoiro.

Graciñas!! 😍 

mércores, 30 de abril de 2025

A hortiña de Faiuco

Agora si!! 
Xa temos listos os nosos bancais para continuar coas labores na Hortiña de Faiuco 🙉

O noso proxecto " Oído Cociña!" require dun traballo menucioso na horta pois, os alimentos na cociña teñen que ser da mellor calidade posible👌

Os nenos e nenas neste proxecto transversal da horta adquiren valores de responsabilidade, conciencia ecolóxica, traballo en equipo, desenvolvemento de múltilples habilidades...non só é plantar verduras ou froitas senón conectar ao alumnado cos procesos naturais, respectar os tempos da terra e valorar a nosa contorna.

Neste espazo de encontro o noso alumnado fixo diversas plantacións: fresas, chícharos, leitugas e xudías. 

E tamén algunha planta aromática 🌴🌿



Bo traballo nenos e nenas!!


Taller de papel reciclado

 Celebramos a semana do libro con moita creatividade e un sabor internacional 😆

Cada grupo ou clase fixo un  taller moi especial que combinou creatividade, conciencia ecolóxica e unha deliciosa volta ao mundo a través dos alimentos.

Puidemos coñecer o proceso de reciclado de papel cunha receita moi sinxela: 

📃Triturar papel de desfeito, deixar repousar, batir ata obter unha pasta, empregar os cadros de reixas para dar forma a cada folla do libro e por último deixar secar enriba dun pano.

Así de sinxelo! 👌

Logo de ter nas nosas mans as follas de papel reciclado cada grupo de nenos e nenas fixo un traballo de investigación sobre un alimento doutro país e foi enchendo as páxinas do seu libro con receitas, beneficios, curiosidades, propiedades... 

Botade un ollo ao proceso!


Libros artesanais para derpertar a curiosidade, creatividade, potenciar a competencia lingüística, traballar en equipo, reforzar a autoestima ao lograr o obxectivo, estimular o pensamento crítico á hora de organizar as ideas, achegarse á importancia da edición e maquetación.... 


Unha forma diverida e ecolóxica de viaxar cos libros e coidar da nosa contorna!




mércores, 23 de abril de 2025

Visita de María Canosa

 Coñecida por ser escritora de literatura infantil e xuvenil entre outras cousas; guionista, articulista, colaboradora de programas radiofónicos... 😀

É a autora de libros como: Faíscas, Leo era un león, Escola de bruxas, Acuario, O papaventos de Laura, Unha fábrica de bicos, Teño un volcán dentro, Candorcas e unicornios, O lobo Ramón... e outros moitos títulos.

O alumnado do 1º ciclo EP tivo a sorte de escoitar a María falar dos seus libros e da súa faceta como escritora. Pero, tamén lles falou do proceso de creación, das súas personaxes nos contos, das novas historias...

Unha sesión moi enriquecedora, pois os nenos e nenas de 2º EP estiveron lendo no itinerario lector unha das súas obras; O lobo Ramón. Tendo a oportunidade de comentar coa escritora a historia e preguntarlle abertamente  sobre o libro.

Como non podía ser doutro xeito, asinou os libros e deixou na nosa biblio un agasallo moi bonito 💓







Moitas gracias pola visita!


Batidos de froitas

Chegada unha nova estación toca descubrir as posibilidades das froitas de tempada na cociña. 

O alumnado de infantil fixo batidos de plátano 🍌 e fresa 🍓 e probaron os arándanos. Sería unha boa combinación para un batido multifroitas?😂😂

Unha receita moi sinxela, unha opción máis para as merendas saudables 😋

- Troceamos a froita en pedaciños pequenos.
- Engadimos un pouco de leite, que cubra a froita.
- Batimos con moito coidado con axuda da batidora ou licuadora.
- Servimos nos vasiños para a súa degustación.

Un modo máis de coñecer novos sabores, observar as diferenzas nas texturas das froitas, cales temos que pelar e cales non é necesario...

Como sempre, logo da actividade tiveron que valorar 👌

Ademais de gozar da degustación engadimos novas experiencias ao noso proxecto " Oído Cociña"!!








Saúde!!


luns, 7 de abril de 2025

Recomendacións lectoras

 Durante este mes de Abril, co gallo da semana do libro, temos aberto o noso I Concurso de Recomendacións de libros 📗📘📙

Se hai un conto que che gusta moito, unha saga de libros que merece moito a pena ler, un cómic co que gozaches, unha historia que deixou pegada en ti.. é o momento de compartilo cos demais 🙋

Cun par de fotos creativas e unha reseña ou debuxo á altura, xa non precisas máis.

Participa!!!

E si tes claro a quen lle pode gustar o teu conto ou libro favorito, podes personalizar a túa recomendación 😃 

Velaquí as bases do concurso 👇


Por suposto, hai premio para a máis orixinal🏅

 Non perdades a oportunidade de visitar o mural do primeiro andar para consultar todas as recomendacións! 

Seguro  que atopades algo que vos poida interesar 😉

 Esperamos as vosas achegas!!