venres, 28 de febreiro de 2025

Entroido!!

 Como cada ano estas semanas estivemos traballando arreo nos disfraces, aqueles que nos servirán para deixar boquiabertos aos asistentes ao desfile polas rúas de Begonte

E si, non é para menos, vaia traxes máis chulos resultaron 😍

Como non podía ser doutra maneira tivemos moi presente o noso proxecto de centro; Oído cociña!

Os máis pequenos do cole vestiron o seu mandil e gorro para mostrar que son uns verdadeiros Chefs, pois levan traballando moito sobre a cociña e as súas técnicas culinarias.

Se a alimentación sá se refire non poden faltar as froitas e verduras.

Uvas🍇 e laranxas 🍊 representando á vitamina C ( 1º e 2º EP) e tomates 🍅e leitugas 🍀 como as mellores verduras para elaborar ricas ensaladas (3º e 4º EP).

Fonte de fibra, hidratos de carbono e azúcre en cantidades moderadas aparecían nas etiquetas das caixas de cereais 🌾elaboradas polo alumnado de 5º e 6º EP.

Uns cereais para nada típicos, non están á venda en calquera establecemento, pois teñen "denominación de orixe" etiquetados e producidos na nosa escola 😂

Tendo este vídeo, pouco máis se pode apuntar.


Pasámolo xenial!!

Moitas gracias ás familias por colaborar na elaboración dos disfraces e por arrouparnos no desfile 💓

Oído cociña, está de Entroido

luns, 24 de febreiro de 2025

23 F: Día de Rosalía de Castro

 LIBERA E LE!

23 de febreiro, aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, unha das grandes escritoras e poetas do Rexurdimento Galego.

Celebramos este día liberando poemas de Rosalía de Castro, cada grupo traballou con distintos versos, vivindo de novo na voz dos nenos e nenas a súa obra.

Esta actividade, programada ao carón do Equipo de Dinamización da Lingua Galega, versa sobre a idea de que os nenos e nenas coñezan a obra da escritora a través de xogos ou pistas, sempre adaptado á idade do alumnado.

 Polo que, os máis pequenos, valéronse de relacionar os versos coas ilustracións dos libros empregados para a actividade.

Que foron os seguinte:

 




E quedou unha actividade así de bonita 💚


"Unha xigante que non precisa respiración asistida, nin prantos, nin ritos florais. Os pulmóns da súa obra aférranse ao futuro e ínflanse coa forza dun país que respira cultura por cada fenda".

(Ledicia Costas no seu manifesto no Día de Rosalía) 

venres, 21 de febreiro de 2025

Contacontos con Inma Cuesta

 Chegou á Casiña de Faiuco Xela, unha superheroína de aldea que goza da natureza.👧

Unha nena comprometida co medio rural que destaca os beneficios que ten vivir na aldea, contando as súas aventuras dunha forma divertida e entretida😉

Inma Cuesta reuniu ao alumnado de Educación Infantil para traballar con eles a educación ambiental en relación á alimentación, coa axuda de Xela e uns cantos animaliños, tivemos unha reunión moi gratificante.

Tanto é así que nos animamos a cantar e bailar🎼.

Rematamos esta actividade facendo unha selección de alimentos que son máis comprometidos e respectuosos co medioambiente, como as verduras que cultivamos nas nosas hortas, con aqueles que fan que xeremos demasiados resiudos plásticos e aínda por enriba non son próximos a nós.

Velaquí algunhas fotos da sesión con Inma.






Moitas gracias Inma polo teu bo contar!!



xoves, 20 de febreiro de 2025

Obradoiro de lettering

 A arte de debuxar letras 

Os nenos e nenas de 4º, 5º e 6º EP asistiron ao obradoiro dos primeiros pasos do lettering con brushpen 📋

Non podemos confundir a caligrafía con esta arte, debemos reservar o primeiro termo para falar de escribir palabras. En cambio, se debuxamos letras, construímos símbolos cuns trazos ou rotulamos con diferentes técnicas iso é o lettering✏

Belén "Nacu", graduada en deseño gráfico, foi a encargada de iniciarnos nesta técnica.

Tamén apuntou a importancia do agarre do brushpen, que non é igual a dun rotulador normal así como a postura que adoptamos.

Un obradoiro con moitas posibilidades para modificar o aspecto dos nosos textos ou palabras, facéndoos máis atractivos.






A beleza da escritura!


mércores, 19 de febreiro de 2025

Cadeira Vermella

Un dos principais obxectivos do préstamo de contos na etapa de Educación Infantil é a animación á lectura e o gusto pola escoita de historias. Por iso, non hai mellor reflexo do traballo feito que escoitar aos máis pequenos contando a historia 💕

Nesta ocasión foi Natalia, de 4 anos, a que sentou na cadeira vermella para renarrar o conto " Un día en la sabana".

Descubrirían as 30 especies que amosa este fantástico conto❓

Así de atentos e atentas escoitan a Natalia os seus compis!


Moi ben Natalia!!

xoves, 13 de febreiro de 2025

11F

A ONU propuxo establecer o 11 de Febreiro como o Día Internacional da Nena e Muller na Ciencia para lograr o pleno acceso e equidade no ámbito científico e tecnolóxico das mulleres👩👧

Ademais é un dos obxectivos da Axenda 2030, a igualdade, sendo as bibliotecas escolares un magnífico  espazo para traballar nesta brecha de xénero.

Na nosa escola quixemos visibilizar o traballo das mulleres no ámbito da cociña relacionado coa Ciencia facendo un taller de conservación de alimentos 🔬

Para iso botamos man da familia de Sabela, 6º EP, que ten moita experiencia neste ámbito, rexentan un restaurante na nosa contorna.

Programamos tres talleres sinxelos para que todo o alumnado puidera coñecer un método de conservación dos alimentos. 
Os máis pequenos envasaron boliños preñados, empregando a máquina de envasar ao baleiro. Conservando o boliño durante máis tempo sen que se poña en mal estado.

Non sabemos canto dos nenos e nenas lograrían gardar o seu boliño...😂

Logo, a nai e a avoa de Sabela ensinaron aos nenos de 1º , 2º, 3º e 4º EP como envasar salsa de tomate caseira 🍅 ao baño María. Sen esquecer o etiquetado de cada tarro, pois é fundamentar anotar a data.

Por certo, a salsa estaba boísima 👌

Finalmente, os maiores do cole puxéronse mans á masa coa empanada!

Qu método empregarían para conservar un producto fresco e que non perda as súas propiedades❓
pois si, o envasado.
 Tendo moi en conta a data, alérxenos, o número de lote de cada alimento que empregamos, a temperatura a que debe estar.... unha morea de cousas!!

Unha xornada na quue demos un paso máis no noso proxecto " Oído Cociña!", valorando o traballo das cociñeiras e a súa relación coa Ciencia.

Se queredes ver fotiños dos talleres, dádelle ao 👉PLAY!




Moitas gracias a Rocío e Marina por compartir esta xornada con nós, foi un pracer tervos na Escola!


luns, 3 de febreiro de 2025

Visita ao Teatro, Gadis e Centro de artesanía

 Na pasada semana, o alumnado de quinto e sexto saíu da escola e puxo rumbo a Lugo. 

O mércores para participar nunha divertida obra de teatro (My funny Frankenstein), na que tiveron que poñer en uso todos os coñecementos adquiridos nas aulas de inglés, para achegarse a esta peculiar versión da obra de Mary Shelley.



O xoves visitaron o supermercado Gadis, onde dentro do programa Alimentes e en relación ao noso “Oído, cociña” aprenderon sobre a dieta saudable, os grupos de alimentos e o chamado “prato de Harvard”.



 A continuación, visitaron a colección do Centro de Artesanía e Deseño da Deputación de Lugo, alí achegáronse a parte da súa colección, coñecendo antigas técnicas de olería tradicional, composición de libros e fabricación de instrumentos tradicionais galegos.

 Rematou a visita cun obradoiro no que elaboraron, cunhas palliñas plásticas, pequenas gaitas á usanza daquelas que facían os nosos antergos con pallas de alcacén cando alindaban o gado no monte.





Día da paz e a non violencia

 Na área de Relixión, todo o alumnado, colaborou na elaboración dun mural moi vistoso😍

Nel traballaron coa receita para a paz, facendo alusión á tolerancia, respecto, axuda, empatía, comprensión, amor, paciencia... como "ingredientes clave" para logar unha mellor convivencia.

Do mesmo xeito, os máis pequenos, fixeron que da árbore da vida brotara o amor, que precisa de moitos coidados para que sigan crecendo os froitos da alegría e o respecto.

A modo de caligrama, para conmemorar o día da escritura a man, escribiron tanto a receita para a paz, nun mandil, como no tronco da árbore algún verso sobre os valores da vida.


Fantástico traballo!