martes, 28 de novembro de 2023

Actividades do 25N

 

Para conmemorar este día fixéronse actividades nas distintas aulas.


👉 En Educación Infantil, traballaron sobre o que é para eles que os traten ben ou mal e sobre as palabras que lles gustan e aquelas que significan un trato desagradable. Por iso, berraron non á violencia.


👉 En 1º curso de Educación Primaria,  decidiron conmemorar este día facendo un marcapáxinas, así cando collan o seu libro de lectura, poderán lembrar que a non violencia e o respecto cara aos demais teñen que celebrarlo e traballalo todos os días! 💗


👉 En 2º curso, fixeron un "SCape Room" onde traballaron temas tan importantes como o respecto aos demais, a non violencia e á igualdade. 


👉 No grupo de 3º e 4º curso, participaron no concurso de lemas e na impresión 3D dos chaveiros co lema gañador. 


👉 En 5º e 6º curso, investigaron sobre o por que desta conmemoración. Así descubriron as irmás Mirabal (Patri, Minerva e María Teresa) e souberon que eran de orixe dominicana,  que se opuxeron á ditadura militar do seu país e que loitaron incansablemente por cambiar o rol da muller na sociedade. Como eran coñecidas como "as mariposas", os nenos e as nenas deste curso, elaboraron caligramas nos que se poden ler frases que nos levan ao recordo destas valentes mulleres. tamén xunto con 3º e 4º curso, participaron no obradoiro de impresión 3D do lema gañador. 


O obradoiro foi no Polo Creativo da nosa escola e experimentaron o mundo da impresión 3D e as posibilidades dunha cortadora láser, da man de Carlos, pai de Sofía, e do seu compañeiro, Suso. 


Toda unha experiencia! 
Moitas grazas Carlos e Suso!











Este é o vídeo é o resumo de todos os traballos feitos! 





Xunt@s contra a violencia de xénero!





venres, 24 de novembro de 2023

25N Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller

 

O Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, conmemórase anualmente cada 25 de novembro para denunciar a violencia que exerce sobre as mulleres en todo o mundo e reclamar políticas en todos os países para a súa erradicación.

Na nosa escola, o alumnado propuxo distintos lemas para alzar a voz contra a violencia as mulleres.

O lema escollido, foi o de Andrea de 5º curso de Educación Primaria:

 

 
 

Será a nosa voz para o 25N, 

queres que sexa a túa tamén?

 

 O @concellodebegonte utilízao nas súas publicacións, se algunha outra institución ou empresa da zona desexa unirse a nosa voz pode pedir no cole o cartel.

Estamos encantados de que a nosa contorna se faga eco tamén!

 

 

martes, 21 de novembro de 2023

Matemáticas, onde estás?

 

Mostramos algúns exemplos de fotografías xa que moitas familias tiñan dúbidas sobre o contido matemático.



Figuras xeométricas
O triángulo



Líñas paralelas
Máis dunha!



Unha mitade
Laranxa partida



De dous en dous
Margaritas agrupadas


Tamén na biblioteca do cole atópanse libros con exemplos.




Esperamos vosa fotografía!


mércores, 15 de novembro de 2023

Educar a mirada

Linguaxe visual con sentido matemático

No mes da ciencia, novembro, lanzamos o I concurso "Matemáticas, onde estás?" 

Ciencia, fotografía e creatividade da man para descubrir e experimentar coa arte e as matemáticas na nosa contorna: na escola, na casa, no mercado, na cociña, no bosque, na granxa...




As bases do concurso serían as seguintes:

👉Poñer un título a foto, en galego e cunha mensaxe matemática.

👉Máximo 3 fotografías por participante.

👉Enviar as fotografías ao titor ou titora en formato JPG. Cada titor ou titora mandará un abalar ao seu grupo para facilitar o correo electrónico.

👉O prazo de presentación é dende o xoves 16 de novembro ata o 4 de decembro.

👉Finalizado o prazo de presentación serán seleccionadas as fotogarfías gañadoras nestas categorías: Educación Infantil ( A e B) e Educación primaria ( por ciclos).

👉Valorarase fundamentalmente a mensaxe en relación co contido matemático.


A priori parece complexo, pero  só hai que parar e observar, as matemáticas están por todos lados!!


O ángulo de apertura dunha porta,
dos radios da roda da bici son o diámetro,
series en ventás dun edificio,
Unha flor pode ser un claro exemplo de simetría.


Animádevos a participar!! 






venres, 10 de novembro de 2023

10N Día Mundial da Ciencia


Cada 10 de novembro celébrase este día co obxectivo de divulgar os avances científicos, garantir cos cidadáns estean informados sobre os avances na ciencia e destacar o rol que desempeñan os científicos na sostenibilidade do noso planeta. 

Dende a plataforma E-ELBE.2, convídannos a descubrir e compartir este fantástico mundo científico.










Mergúllate na plataforma E-Elbe.2!