domingo, 28 de febreiro de 2021

HOMENAXE A ROSALÍA

        Para homenaxear a Rosalía, fixemos varias actividades: recordar a súa biografía, ler algúns dos seus poemas e xantar "caldo de gloria".

     Aquí van dous " vídeo-momentazos":


  • 4º e 5º de E.P. recitando "Miña casiña, meu lar".


  • Hora de xantar: saboreando un  "CALDO DE GLORIA" que sería a envexa de Rosalía: delicioso!


Moitas grazas aos nosos "Masterchefs" particulares, Raúl e Montse, pola súa colaboración nesta tarefa engadida ao seu traballo diario.




martes, 23 de febreiro de 2021

24 DE FEBREIRO.DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO

      24 de febreiro de 1837, nacía en Santiago de Compostela María Rosalía Rita de Castro, autora do primeiro libro escrito integramente en galego (Cantares Gallegos) e importante figura na literatura europea do século XIX.

     Para celebrar este día, a Fundación Rosalía de Castro organiza varias actividades. Unha delas é ler este poema e cociñar o "caldo de groria"  empregando os poucos ingredientes que Rosalía se podía permitir naquela época.
 
 

domingo, 21 de febreiro de 2021

Día Internacional da Lingua Materna

     O Día Internacional da Lingua Materna foi proclamado pola Conferencia Xeral da UNESCO en novembro de 1999 e celébrase anualmente dende o 21 de febreiro de 2002 cos obxectivos de promover o plurilingüismo e a diversidade cultural.

 A lingua materna é aquela na que as nenas e nenos aprenden a falar e a relacionarse co seu contorno máis próximo. A UNESCO quere impulsar o coñecemento e a práctica das linguas maternas de menos falantes tamén na escola, nos medios de comunicación, na internet... fóra dos ámbitos en que moitas delas quedan recluídas. 

     O Día Internacional da Lingua Materna estableceuse para sensibilizar acerca da importancia dos idiomas e da función vital que desempeñan no desenvolvemento, ao garantir a diversidade e o diálogo intercultural, así como o fortalecemento da cooperación e a consecución da educación de calidade para todos, a construción de sociedades do coñecemento integradoras e a preservación do patrimonio cultural.

    A Xunta de Galicia celebra esta data coa actividade "Puño, puñete", de Baobab Teatro, unha orixinal proposta dirixida a nenos e nenas de 1 a 7 anos e ás súas familias,orientada a ofrecerlles a estas recursos para cantar e contar en galego cos seus fillos e fillas. Ao mesmo tempo, combinando as rimas, as cantigas e os contos, convida os cativos e cativas a descubrir un mundo de sensacións e de emocións a partir do xogo tradicional “-Puño, puñete, que tes por dentro? -Pan e fermento! -Puño, puñete, que tes por fóra? -Pan e cebola!”.

                     https://youtu.be/goapKzqX3Wg


     Neste contexto, a Real Academia Galega vén de recuperar un texto que afonda na importancia desa transmisión: Xeliña fala galego, escrito polo mestre e tradutor Valentín Arias en 1968. Nel, conta a experiencia de criar en galego á súa filla que daquela tiña sete anos, Xela Arias, a autora homenaxeada neste 2021 co Día das Letras Galegas. "Os pais de Xeliña son galegos. O mesmo que a súa familia toda. E consideraron moi natural alar coa súa nena na lingua galega que eles adoitan acotío" principiaba o texto.

     Así, o pai de Xela Arias detallaba como criar a nena en galego supuña apostar por non "renunciar ás raíces", senón "profundar nelas" para "construír unha sociedade sen complexos". "Partindo da 'lingua nai dos galegos', o conto augura" que a nena "se mergullará pronto noutros idiomas con máis facilidade que os rapaces monolingües, porque 'é ben sabido que é máis doado aprender unha nova lingua cantas máis linguas se coñezan'". "O narrador non se equivocou no seu prognóstico", toda vez que Xela Arias "converteríase, tempo despois, nunha destacada tradutora, ademais de poeta e editora".



    https://twitter.com/OrgulloGalegoGz/status/1363413151283208201


domingo, 14 de febreiro de 2021

TEMPO DE ENTROIDO!

      Este ano non puidemos percorrer as rúas da vila, así que tivemos que conformarnos cun desfile no pavillón do cole.

      Mirade con que arte lucimos os disfraces de volantes, pantallas, damas e galáns, cigarróns e osos de Salcedo.



Lembrade que tamén podedes participar virtualmente no concurso do Concello.

Aquí tedes as bases.


xoves, 11 de febreiro de 2021

DÍA INTERNACIONAL DA MULLER E DA NENA NA CIENCIA.

     O Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, que se celebra cada ano o 11 de febreiro, foi aprobado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas co fin de lograr o acceso e a participación plena e equitativa na ciencia para as mulleres e as nenas, e ademais para lograr a igualdade de xénero e o apoderamento das mulleres e as nenas. Este Día é un recordatorio de que as mulleres e as nenas desempeñan un papel fundamental nas comunidades de ciencia e tecnoloxía e que a súa participación debe fortalecerse. A celebración deste día está dirixida pola UNESCO e ONU-Mulleres, en colaboración con institucións e socios da sociedade civil que promoven o acceso e a participación de mulleres e nenas na ciencia.



     A ciencia e a igualdade de xénero son fundamentais para o desenvolvemento sostible. Aínda así, as mulleres seguen atopando obstáculos no campo da ciencia: menos do 30% de investigadores científicos no mundo son mulleres.


  O venres 12 de febreiro de 2021 ás 12:00 h., podedes escoitar unha charla a cargo de dúas enxeñeiras de Airbus, a maior  fabricante de avións e equipos aeroespaciais do mundo.

En directo e en aberto a través de www.facebook.com/muncyt

                                             Máis información neste enlace:

http://www.muncyt.es/portal/site/MUNCYT/menuitem.8dbda8254659d9883c791a1801432ea0/?vgnextoid=3cbd0f8677d57710VgnVCM1000001d04140aRCRD&vgnextchannel=9ec5e42baddea410VgnVCM1000001d04140aRCRD