martes, 30 de xuño de 2026

O museo de Faiuco

Para rematar co noso PDI " Que animalada!"🐾 fixemos unha exposición final para que toda a comunidade educativa puidera ver, participar e observar as actividades que realizamos ao longo do proxecto.

Nas seis salas nas que dividimos o Museo de Faiuco pódese observar os contidos que traballamos de xeito interdisciplinar nas nosas aulas, tendo en conta os intereses e motivacións do noso alumando.

Así pois, algúns deles son:

✔Falamos da responsabilidade e compromiso que debemos adoptar coas nosas mascotas, facendo un tendal dos animais que forman parte da familia de cada alumno ou alumna.

✔Animais invasores da nosa contorna.

✔Creamos pasaportes da paz para unha posible convivencia entre especies invasoras e autóctonas.

✔Gravamos un spot publicitario en colaboración coa protectora de Lugo "Este Nadal, non regales animais"

✔Achegámonos a figura de Jane Goodall: relacións sociais entre chimpancés, familias, actitudes e comportamentos, ferramentas que empregaban no seu día a día, selva de Gombe...

✔Fabricación de hoteis de bechos; con material de refugallo creamos refuxios para insectos.

✔Bechos na horta si ou non?; beneficios dos animaliños na Horta de Faiuco.

✔Identificación de pegadas e excrementos de animais; que información nos poden aportar?

✔Observación do comportamento de animais: bechos paus, lagartos, arañas, xoaniñas, vermes...

✔Elaboramos un novo número do xornal escolar "A voz do Corpiño", edición especial Pelopicopata.

✔Coidado do noso galiñeiro: responsabilidades

✔Formación sobre os cans de asistencia: cans de alerta, de asistencia a persoas con movilidade reducida ou de bloqueo.

✔Charlas sobre canarios e morcegos, da man de familias e asociacións

✔Fototrampeo: captura de fotos de bechos na súa contorna

✔Animalario 3D: Creación de bechos (que aparecen en poemas de autores galegos) con material de refugallo.

✔Elaboración de máscaras de animais en papel

✔Grafismo con distintos materiais e texturas do corpo de varios animais.

✔Achegámonos aos animais transformados da mitoloxía grega.

✔Coñecemos o manexo dos libros de divulgación: como facer consultas.

✔ Coa axuda de contos de animais, falamos da súa alimentación, gustos, lugares, nidos, forma de reproducirse, superpoderes, curiosidades...

✔Creamos animais terroríficos na época de Samaín.

✔Visitamos Corax fauna

 Observamos caixas de morcegos e falamos das súas características

✔ Falamos da lei de benestar animal

Se non puideches asistir á visita, poderás facelo a través do seguinte enlace. 

Anímate!!

Museo de Faiuco


Bo verán🌞, vémonos en setembro!!

xoves, 18 de xuño de 2026

Benestar animal

 Charla sobre a Lei 7/2023 de protección dos dereitos e o benestar dos animais. 

O alumnado de Primaria participou nunha interesante charla sobre a Lei 7/2023, do 28 de marzo de protección dos dereitos e o benestar dos animais, impartida por Sabela Fonseca.

 Sabela é veterinaria, bióloga e propietaria da residencia/refuxio de animais “Luscofusco”, ubicada na aldea lucense de Bacurín. Tamén é membro de AGAE (Asociación Galega de Adopción de Exóticos) e da asociación “Os Pillabáns”. Acompañárona dúas axudantes moi especiais:Chispa e Mini, unha cadeliña e unha tartaruga, respectivamente. 

 As nenas e nenos coñeceron os aspectos máis importantes da normativa relacionados cos animais de compañía e coa responsabilidade que implica convivir con eles; ademais,  reflexionaron sobre a importancia de considerar aos animais como seres vivos con necesidades físicas e emocionais que precisan ser atendidas axeitadamente. Falouse da obriga de proporcionarlles alimento, auga, un lugar seguro onde vivir, atención veterinaria e cariño.

 Outro dos temas centrais foi a tenza responsable, poñendo énfase na obriga de non abandonar nunca un animal, de identificalo correctamente e de asegurarse de que recibe os coidados necesarios ao longo de toda a súa vida.Quedoulles claro que un animal de compañía non é un xoguete.

Se queredes ver como transcurriu a xornada, pinchade no seguinte vídeo:


Como remate, fíxose referencia aos animais non permitidos como mascotas, ben por ser velenosos, especies exóticas invasoras ou por outros motivos.  

Moitas grazas a Sabela, Chispa e Mini! 💙💚💜

luns, 15 de xuño de 2026

Habilidades sociais

Durante este terceiro trimestre o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º EP  asistiron a varias sesións dun obradoiro  de habilidades sociais impartido polo servicio municipal de prevención de drogodependencias.

No caso do alumnado do 2º ciclo de EP traballaron a expresión emocional, a comunicación asertiva, o traballo en equipo e a resolución de conflictos de maneira positiva.

Aprender a convivir tamén se ensina, fomentando a empatía e a comunicación positiva mediante dinámicas divertidas e participativas, tal e como se pode apreciar nas seguintes imaxes.







No caso dos máis maiores traballaron nos hábitos saudables. Coa axuda da realidade virtual puideron experimentar na súa pel os efectos despois do consumo de bebidas alcólicas ou enerxéticas.
Estas formacións preventivas son esencias para alertar aos máis novos dos efectos nocivos que poden causar.
Velaquí unha mostra dunha das sesións





xoves, 4 de xuño de 2026

Petit Suisse caseiro

 O alumnado de 5º e 6º estivo hoxe pola sala de arte na cociña para preparar ricos "Petit Suisse"😋

Na época de volver a traballar no seu bancal da Hortiña de Faiuco deixaron en macetas as plantas de amorodos que tiñan do anterior curso.

E como quen garda sempre ten, hoxe recolleron os seus froitos 🍓🍓🍓🍓🍓

Unha boa cunca de amorodos, un plátano, 2 ou 4 culleradas de azucre e máis 300 g de queixo philadenphia foi a receita que empregaron para obter esta deliciosa sobremesa.

Eso si, dos trucos extra e da maña na elaboración non dixeron nada 😑

Quedamos coa boca feita auga vendo as seguintes fotos 






Bo proveito rapaces!!

Coidamos do galiñeiro

 Dende a primavera temos tres convidadas na nosa escola 🐔🐔🐔

Siii!!! as galiñas tamén veñen ao cole😂😂

Cun calendario organizado por quendas cada aula debía asumir o coidado do galiñeiro durante unha semana.

Lavar os comedeiros, revisar que tiveran sempre auga fresca, repoñer pienso, coidar que o galiñeiro estivera limpo e levarlles algunhas follas de leituga, repolo ou verzas.

E o máis importante de todo, visitalas todos os días e asegurarse de que estaban ben. É responsabilidade de cada aula que ás galiñas non lles falte de nada.

O noso PDI "Que animalada" fíxonos reflexionar sobre o compromiso, responsabilidade e coidados que requiren os animais. Se decidimos facernos cargo dun ser vivo debemos asumir tamén certas tarefas.

Se as queredes coñecer premede no play 👇


Como puidestes observar as galiñas foron moi xenerosas con nós e puxeron ovos frescos, que nos permitiron elaborar ricas receitas nas aulas.

Comezando por probar a facer unha tortilla francesa, pasando por deliciosas tortitas... ata chegar a bizcoitos e flans.

Que rico!!! 😋😋 Todas as receitas están máis boas se son feitas con ovos das nosas galiñas.

Aventuras con responsabilidades, cheas de aprendizaxes, coidados e moito sabor👌




Facemos xabóns!!

 Unha actividade máis enmarcada no programa de biblioteca creativa coa axuda da profe Tena 💜

Na materia de Relixión celebraron o Día da familia elaborando os seus propios xabóns con divertidas formas de animais, por mor do noso PDI " Que animalada".

A receita é moi sinxela:

💦 Xabón de Glicerina

💦 Colorante de distintos cores

e... o ingrediente máis importante; moitas gotiñas de 💕💕

Se queres repetir o proceso lee atentamente as instruccións:

📃Derrite a glicerina no microondas

📄 Engade unhas pingas de coloronte, podes escoller a túa cor favorita.

📃 Vertemos a mestura nos moldes con formas de animais.

📃Deixamos arrefriar a mestura nos moldes

E rematado o proceso xa temos un xabón personalizado para gozar del en compañía da nosa familia 👬

Velaquí un vídeo resumo do reparto das bolsiños cos xabóns

Que ilusión ver o traballo ben feito e poder levalo á casiña🏠


Crea, manipula, rie, experimenta, acompaña, fai, xoga, observa, axuda, coopera... que xuntas e xuntos tamén somos unha gran familia💝



martes, 2 de xuño de 2026

O museo de Faiuco

Xa a piques de rematar este curso queremos invitar á comunidade educativa á exposición final do PDI 

" Que animalada!"🐈🐇🐝🐞🐕

Este ano convertiremos as nosas aulas en salas de museo para poder ensinarvos e facervos partícipes das investigacións, obradoiros, búsquedas, lecturas, retos, descubrimentos...que fixemos durante este curso.

É unha oportunidade para que poidades vivenciar de primeira man o traballo que hai detrás de cada día de traballo.

Así pois, botade un ollo ao noso cartaz 👀👀



 Esperámosvos!!

O museo de Faiuco abre as súas portas só o 19 de xuño, non o perdades 😊😊

 

xoves, 28 de maio de 2026

Reto de Faiuco 3

 Tirando do fío da impresión 3D.

Para rematar o curso " Os retos de Faiuco" seguimos tirando do fío da obra de Begoña Caamaño, coñecendo o seu gusto pola reinterpretación dos mitos clásicos, levándoos a territorios do feminismo, a igualdade e a sororidade estivesen moito máis presentes.

 Faiuco propón a creación de animais fantásticos, ao xeito dos animais mitolóxicos. Podes elaborar a túa propia obra partindo de ou combinando animais existentes, ou crear unha nova criatura empezando dende cero.

 Se queres participar e poñer a túa imaxinación a andar, esperámoste na biblioteca!!

Ollo!! que a creación que se considere mellor será levada á impresora 3D.

Animádevos 😃😃

 



Un novo reto de Faiuco espara por ti ☺


luns, 25 de maio de 2026

Cans de asistencia

 O venres 22 de maio visitou a nosa escola Javier, entrenador de cans de asistencia e Menchu, técnico en intervencións asistida con animais como representantes da asociación Lobos de Naraío.

E por suposto, traian como acompañante a Silva🐶, unha cadela que está entrenada para asistir a persoas con mobilidade reducida.

O obxectivo desta formación é que o noso alumnado coñeza máis sobre os animais, sobre a formación que reciben os cans de asistencia, a súa labor coas persoas ás que acompañan, a asistencia que realizan e por suposto potenciar os valores sociais e cívicos.

Encadramos polo tanto esta formación ao alumnado no noso PDI " Que animalada!"

Comezaron facendo unha sesión máis curta co alumnado de infantil, na aula exterior, onde falaron da función que tiña Silva e máis puideron ver cos seus propios ollos como se comportaba con Menchu.

Asemade, falaron do que temos ou non que facer cando atopamos pola rúa unha cadela como Silva.

É moi importante non darlle larpeiradas, tampouco podemos distraela nin achegarnos a ela para acariñala. Debemos ter claro que está traballando e precisa estar concentrada para executar ben a súa tarefa.

Logo, na biblioteca co alumnado de primaria puideron falar largo e tendido sobre o que fai cada can segundo sexa:

 🐶 Can guía para persoas cegas.

🐶 Can para asistir a persoas con mobilidade reducida.

🐶 Can para asistir a persoas con TEA

🐶 Can de sinal para persoas xordas

🐶 Can de alerta médica

Para poder identificar cada un deles debemos observar con atención o peto que porta cada tipo de can.

Froito da motivación dos nenos e nenas foron as numerosas preguntas que fixeron ao rematar a charla e o estusiasmo co que recibiron a iniciativa.

No seguinte vídeo poderedes comprobar a veracidade do dito.


Moitas gracias Javier, Menchu e especial a Silva polo sobre esforzo que fixo nestas dúas sesións.

Ata outra 👋




mércores, 20 de maio de 2026

Tecendo os fíos da vida e obra de Begoña Caamaño

Con motivo da celebración das Letras Galegas, na casiña de Faiuco fixemos un traballo arredor da figura de Begoña Caamaño, unha muller que nos deixou entrever unha forma distinta de ver a literatura, a historia e os mitos clásicos.

Fomos descubrindo os fíos que forman a traxectoria vital e literaria de Begoña: o xornalismo, o compromiso coa nosa lingua, a defensa das mulleres como protagonistas das historias e a súa capacidade para revisistar os mitos clásicos.

A través das súas obras achegámonos a personaxes míticos como Penélope, Circe, Europa ou Aracne. Personaxes feministas que durante séculos foron contadas dende a mirada doutro, pero que Begoña coa súa escrita lles devolveu voz e protagonismo.

É por iso que nós tamén quixemos crear un personaxe mitolóxico dende a figura de Begoña, pero dándolle rasgos físicos de partes de animais que a súa vez lle atribuían un poder para mostrar a súa rebeldía, denuncia e compromiso.

Este luns, quixemos reunirnos na biblioteca para converter todos estes fíos en lecturas, resultados de investigacións, relatos de mitos clásicos e reflexións para celebrar a nosa lingua e a nosa cultura, sendo autoras como Begoña parte dela.

Se pinchades no vídeo📹 poderedes ver como transcurriu a celebración, tendo como referencia o libro de Eva Mejuto "Os fíos de Begoña Caamaño"


Pero si queredes escoitar os mitos clásicos dos que estamos a falar o alumnado de 3º e 4º gravaron un podcast recitando algúns deles.
Velaquí o enlace👇

Sendo cada historia un fío máis no gran tecido da memoria.

Ler a Begoña é tamén aprender a cuestionar os relatos herdados e a tecer novas historias desde Galicia e en galego💜

luns, 18 de maio de 2026

Do ser e dos faceres chairegos

 Este luns 18 de maio inauguramos a II Exposición da Microrrede de Bibliotecas Escolares da Terra Chá, no Castro de Viladonga, coincidindo co día dos museos. Pois tal e como se dixo na reunión, as bibliotecas e os museos son un eixo primordial para a cultura.

Un acto no que se presenta o traballo de investigación e deseño da rapazada chairega sobre oficios tradicionais tales como; as tecedoras de liño, os torneiros, comadroas, compoñedores, cesteiros, filloeiras, canteiros... que forman parte da identidade de cada concello e arraigan unha tradición que debe pasar de xeración en xeración.

A casiña de Faiuco fixo unha enquisa ás familias para coñecer que persoeiros senlleiros había no concello que nos puideran falar sobre algún oficio tradicional. E foi na análise dos resultados obtidos cando coñecemos o nome de Xabier Quijada.

Comezamos a planificar o traballo sobre o oficio dos canteiros e en particular na figura de Xabier. 

Este escultor ten varias obras espalladas pola Terra Chá; cruceiros, esculturas, escudos... participou en obradoiros de cantería e talla de pedra en diversas asociacións así como levou ata os días de hoxe o latín dos canteiros; unha xerga gremial que paga a pena coñecer.

Pois ben, neste pequeno resumo poderedes ver o traballo que fixo o noso alumnado. Comezamos facendo unha biografía profesional do noso canteiro moi vencellado á parroquia de Donalbai, terra de canteiros. Seguimos coa firma silenciosa, a marca de autoría dos canteiros que tamén se emprega para cuantificar obras e como orientación para colocala.

Logo, afondamos na ferramenta do canteiro e os seus usos e rematamos facendo unha mención ao latín dos canteiros; intervas verbo xido?


Dende aquí convidámosvos a visitar o Castro de Viladonga, que acolle a nosa exposición ata o 5 de xuño. Nela poderedes coñecer máis oficios da nosa comarca dende a ollada dos nenos e nenas dos centros da Terra Chá.

Agradecer a Orlando Viveiro por achegarnos ao latín dos canteiros, ao concello de Begonte por arroupar esta mostra, ás familias, ás autoridades presentes no acto de inauguración, o apoio da asesoría de bibliotecas escolares e por suposto ao alumnado chairego.



Debemos manter vivo este ser e facer que herdamos con tanto orgullo.


luns, 11 de maio de 2026

A Cadeira Vermella de Ares

A Cadeira Vermella segue regalando momentos tan bonitos coma este, a renarración do conto Sopa Verde de Ares.

Todos as semanas o alumnado ten unha sesión reservada para facer o préstamos de libros e contos na Casiña de Faiuco, ademais de ser un momento ideal para ler contos, facer escoitar compartida, botar un ollo a libros que nos chaman a atención...e cos nenos e nenas de educación infantil este tempo é idóneo para que senten a contar a historia do conto que levaron á casa.

A pesar da vergoña, tímidez, falar moi baixiño, poñerse nervioso... ser o que conta a historia é todo un privilexio.

Queredes escoitar a Ares? estades a un click 👇


Moi ben Ares💛


luns, 4 de maio de 2026

Ilustración narrativa

 Durante a semana do libro celebramos o noso I Concurso de Ilustración Narrativa ✏📖

Tendo en conta o lema de bibliotecas escolares "O deseño" quixemos facer fincapé na función da ilustradora ou ilustrador na edición do libro, no poder das imaxes para poder contar a historia.

Para introducir o concurso, nas aulas de infantil, fixemos unha comparativa das ilustracións de diversos contos: propuxemos libros nos que o ilustrador tiña como material principal o cartón e as teas, noutro recortes de xornais, noutro empregaba só tres cores, nalgúns eran debuxos feitos en branco e negro, outros víamos que empregaban as texturas dos materiais...

Logo, na biblioteca había un panel con diferentes citas textuais sacadas de diversos libros. Sendo a intención a de que os nenos e nenas debuxaran o que crían que debería acompañar ese texto.

A exposición dos debuxos permitía observar que cada un deles debuxou elementos moi diversos para acompañar a cita, todos eles válidos e cun significado diferente.

Algunhas das citas textuais escollidas foron:

📝 "O xigante tiña medo da súa propia sombra"

📝"Unha sombra que se esqueceu de seguir ao seu dono"

📝 "No meu peto vive un segredo"

📝"Os lamentos das pantasmas atravesan as paredes"

📝...

E así se desenvolveu a actividade, na que finalmente premiamos ao mellor ilustrador ou ilustradora de cada ciclo.👏

O premio foi moi especial pois eran libros da autora Ana Meilán cunha dedicatoria do seu puño e letra💜. 

Foron mercados na feira do libro de Outeiro de Rei, apoiando así iniciativas tan bonitas.


Moitas gracias a todos os nenos e nenas, fixestes un traballo excepcional 👏👏




xoves, 23 de abril de 2026

A hortiña de Faiuco

 Coa chegada do bo tempo hai que poñer a punto a hortiña de Faiuco.

Cada aula ten a responsabilidade dun dos bancais, neste caso imos mostrar o traballo que fixo a aula de 5º e 6º no seu.

Este foi o seu procedemento:

🌱 Preparar o bancal, sacando as malas herbas e reservando os cultivos que puideron ser transplantados.

🌱 Transplantar os amorodos ás macetas, puxeron moito coidado en non danar as plantas para que seguiran florecendo á espera de brotar os froitos.

🌱Documentáronse sobre o cultivo escollido; as patacas. Empregaron libros de divulgación da biblioteca e rexistraron os datos en fichas.

🌱Antes de plantar, experimentaron na sala de arte coas características da pataca: o proceso de oxidación, sobre o almidón e como condutora de electricidade.

🌱 Xa na horta, prepararon a terra e fixeron os sucos. 

🌱 Botaron as patacas e identificaron cun cartel o seu cultivo.

No seguinte vídeo podedes ver as imaxes do proceso:



Que a colleita sexa boa rapaces!!😀


martes, 21 de abril de 2026

Lingua de signos

 Como xa sabedes, proxecto ENKI é unha entidade que promove a inclusión de persoas con diversidade funcional. 

Neste curso o noso centro contou coa visita de dúas persoas que forman parte do equipo e que tratan de concenciar aos máis pequenos da importancia da inclusión a través do deporte.

Pois ben, logo de recibir a charla e que parte do noso alumnado participara nunha xornada de sensibilización toca formar parte do proxecto de murais LSE e braille nos coles galegos😊

O alfabeto dactilológico da Lingua de Signos Española e o sistema braile quedou gravado nunha das paredes do noso cole, achegando así ao noso alumnado e este alfabeto e tendo a oportunidade de participar en distintas dinámicas que se levaron a cabo durante a xornada.

Unha biblioteca inclusiva debe promover distintas formas de comunicarse e entender o mundo, é por iso que queremos que o noso alumnado tome conciencia da importancia da inclusión e de coñecer diferentes modos de comunicarse.

Velaquí algunhas fotos da xornada e do mural en cuestión








Moitas gracias ENKI pola labor que facedes, a inclusión fai feliz á sociedade😊


A Cadeira Vermella de Leo

 Os nenos e nenas de infantil seguen sentando na Cadeira Vermella para a renarración de contos, unha iniciativa para favorecer a animación á lectura.

Neste caso é un conto que comeza cunha situación moi normal, un gato subido nunha árbore pero que se enreda con situacións ben divertidas. Titúlase "Un gato na árbore".

A historia leva a falar de pedir axuda, de como solucionar un problema, de tomar decisións e da solidariedade.

Pero para que comentar máis desta fermosa historia se podemos escoitar a Leo 🔈🔉🔊


É un gusto escoitarte, fixéchelo xenial Leo.
Agardamos que te sentes prontiño a contarnos outtro contiño.

Máscaras de papel

 Este martes 21 de abril recibimos na Casiña de Faiuco a Electra Menéndez, unha historiadora que ten paixón por traballar coas mans, experimentando coas posibilidades do papel.

O taller da nosa convidada pretende manter vivas as posibilidades do papel e do cartón, como materiais sostibles, accesibles, tradicionais e moi versátiles.

Dentro do noso programa de biblioteca creativa acudimos as boas mans desta artesá para levar a cabo un obradoiro de máscaras de papel, que tendo en conta o noso proxecto foron máscaras de animais.

O alumnado de 2º, 3º e 4º de EP, repartidos en dúas sesións, elaboraron bonitas máscaras de animais tendo como único material distintos papeis continuos de cores, máscaras de papel como soporte, cinta de carrocero e unha mestura de fariña con auga a modo de pegamento.

Se pinchades no vídeo poderedes ser testemuñas do proceso de elaboración destas máscaras tan bonitas😍


Un obradoiro que aposta pola reciclaxe, as posibilidades do papel, a artesanía e invita a manter vivo un patrimonio cultural grazas ás técnicas que se empregan.

Un millón de grazas, Electra, por compartir estas sesións de formación cos nenos e nenas.



luns, 20 de abril de 2026

Taller con Lego Dots

 Comezamos a semana no noso taller con Lego Dots 💠 como actividade enmarcada na semana do libro, facendo referencia ao poder da ilustración e o deseño nos materiais textuais.📗📘📙

Lego Dots é un xogo de pezas de lego formadas por puntos e pequenas marcas que permiten crear distintos deseños.

O obxectivo para esta semana do libro era poñer en valor a función do ilustrador, indo da man do deseño, que como xa sabedes é a temática escollida por bibliotecas escolares para este curso.

Pois ben, tendo as pezas do Lego Dots sacamos da rede algúns patróns de deseño, cada titoría orientado á actividade que tiña en mente; facer unha pequena historieta cos deseños, elaborar elementos gráficos para trípticos, narrar fábulas, deseñar marcapáxinas... sendo o elemento clave o deseño feito coas pezas.

(nalgúns casos o deseño ía orientado á temática do PDI, os animais) 

O traballo no taller pretendía:

💡 Potenciar a creatividade.

💡 Desenvolver a motricidade fina avanzada.

💡 Mellorar a concentración e a paciencia na actividade coas pezas.

💡 Personalizar deseños.

💡Potenciar conceptos de simetrías e traballo con patróns.

💡Creación de distintas tipografías

💡...

 

No seguinte vídeo resumo poderedes ver o paso polo taller das distintas aulas e o resultado do traballo co deseño, quedaron cousas ben interesantes pese a que non foi unha tarefa doada.



Bo traballo nenas e nenos💙



 

 

luns, 13 de abril de 2026

Obradoiro de radio

Para rematar o segundo trimestre o alumnado do terceiro ciclo de EP asistiu á segunda parte do obradoiro de radio, formación enmarcada dentro do programa Radio na Biblio, da man de Baruk e Pablo.

Coa intención de darlle máis personalidade a nosa Radio Corpiño 📻crearon e gravaron sintonías e indicativos para cada unha das posibles seccións que se poidan facer: entrevistas, información, radio en directo, anuncios radiofónicos...

Tendo en conta que a nosa radio escolar queremos que medre e tela moi presente no día a día, pensamos en posibles seccións para futuras emisións. Tanto é así, que tentamos que os "recordatorios de marca" empregados nas radios comerciais teñan cabida tamén na nosa.






Agora si, Radio Corpiño: falamos un pouquiño?

Graciñas Pablo e Baruk pola vosa disposición e agardámosvos na nosa radio.