Amosando publicacións coa etiqueta Charlas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Charlas. Amosar todas as publicacións

xoves, 18 de xuño de 2026

Benestar animal

 Charla sobre a Lei 7/2023 de protección dos dereitos e o benestar dos animais. 

O alumnado de Primaria participou nunha interesante charla sobre a Lei 7/2023, do 28 de marzo de protección dos dereitos e o benestar dos animais, impartida por Sabela Fonseca.

 Sabela é veterinaria, bióloga e propietaria da residencia/refuxio de animais “Luscofusco”, ubicada na aldea lucense de Bacurín. Tamén é membro de AGAE (Asociación Galega de Adopción de Exóticos) e da asociación “Os Pillabáns”. Acompañárona dúas axudantes moi especiais:Chispa e Mini, unha cadeliña e unha tartaruga, respectivamente. 

 As nenas e nenos coñeceron os aspectos máis importantes da normativa relacionados cos animais de compañía e coa responsabilidade que implica convivir con eles; ademais,  reflexionaron sobre a importancia de considerar aos animais como seres vivos con necesidades físicas e emocionais que precisan ser atendidas axeitadamente. Falouse da obriga de proporcionarlles alimento, auga, un lugar seguro onde vivir, atención veterinaria e cariño.

 Outro dos temas centrais foi a tenza responsable, poñendo énfase na obriga de non abandonar nunca un animal, de identificalo correctamente e de asegurarse de que recibe os coidados necesarios ao longo de toda a súa vida.Quedoulles claro que un animal de compañía non é un xoguete.

Se queredes ver como transcurriu a xornada, pinchade no seguinte vídeo:


Como remate, fíxose referencia aos animais non permitidos como mascotas, ben por ser velenosos, especies exóticas invasoras ou por outros motivos.  

Moitas grazas a Sabela, Chispa e Mini! 💙💚💜

luns, 15 de xuño de 2026

Habilidades sociais

Durante este terceiro trimestre o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º EP  asistiron a varias sesións dun obradoiro  de habilidades sociais impartido polo servicio municipal de prevención de drogodependencias.

No caso do alumnado do 2º ciclo de EP traballaron a expresión emocional, a comunicación asertiva, o traballo en equipo e a resolución de conflictos de maneira positiva.

Aprender a convivir tamén se ensina, fomentando a empatía e a comunicación positiva mediante dinámicas divertidas e participativas, tal e como se pode apreciar nas seguintes imaxes.







No caso dos máis maiores traballaron nos hábitos saudables. Coa axuda da realidade virtual puideron experimentar na súa pel os efectos despois do consumo de bebidas alcólicas ou enerxéticas.
Estas formacións preventivas son esencias para alertar aos máis novos dos efectos nocivos que poden causar.
Velaquí unha mostra dunha das sesións





martes, 14 de decembro de 2021

Reducir, reutilizar, reciclar

 Dende o Concello de Begonte, charla sobre a xestión do lixo, un pouquiño de repaso, máis a noticia dun punto limpo móbil na nosa contorna.