Amosando publicacións coa etiqueta Microrrede Terra Chá. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Microrrede Terra Chá. Amosar todas as publicacións

luns, 18 de maio de 2026

Do ser e dos faceres chairegos

 Este luns 18 de maio inauguramos a II Exposición da Microrrede de Bibliotecas Escolares da Terra Chá, no Castro de Viladonga, coincidindo co día dos museos. Pois tal e como se dixo na reunión, as bibliotecas e os museos son un eixo primordial para a cultura.

Un acto no que se presenta o traballo de investigación e deseño da rapazada chairega sobre oficios tradicionais tales como; as tecedoras de liño, os torneiros, comadroas, compoñedores, cesteiros, filloeiras, canteiros... que forman parte da identidade de cada concello e arraigan unha tradición que debe pasar de xeración en xeración.

A casiña de Faiuco fixo unha enquisa ás familias para coñecer que persoeiros senlleiros había no concello que nos puideran falar sobre algún oficio tradicional. E foi na análise dos resultados obtidos cando coñecemos o nome de Xabier Quijada.

Comezamos a planificar o traballo sobre o oficio dos canteiros e en particular na figura de Xabier. 

Este escultor ten varias obras espalladas pola Terra Chá; cruceiros, esculturas, escudos... participou en obradoiros de cantería e talla de pedra en diversas asociacións así como levou ata os días de hoxe o latín dos canteiros; unha xerga gremial que paga a pena coñecer.

Pois ben, neste pequeno resumo poderedes ver o traballo que fixo o noso alumnado. Comezamos facendo unha biografía profesional do noso canteiro moi vencellado á parroquia de Donalbai, terra de canteiros. Seguimos coa firma silenciosa, a marca de autoría dos canteiros que tamén se emprega para cuantificar obras e como orientación para colocala.

Logo, afondamos na ferramenta do canteiro e os seus usos e rematamos facendo unha mención ao latín dos canteiros; intervas verbo xido?


Dende aquí convidámosvos a visitar o Castro de Viladonga, que acolle a nosa exposición ata o 5 de xuño. Nela poderedes coñecer máis oficios da nosa comarca dende a ollada dos nenos e nenas dos centros da Terra Chá.

Agradecer a Orlando Viveiro por achegarnos ao latín dos canteiros, ao concello de Begonte por arroupar esta mostra, ás familias, ás autoridades presentes no acto de inauguración, o apoio da asesoría de bibliotecas escolares e por suposto ao alumnado chairego.



Debemos manter vivo este ser e facer que herdamos con tanto orgullo.


luns, 2 de xuño de 2025

Afianzando a nosa identidade

 Xa a piques de poñer o punto e final a este curso, toca facer a exposición do traballo realizado dentro da Microrrede de Bibliotecas Escolares da Terra chá.

"Afianzando a nosa identidade" en prol de conservar a nosa riqueza cultural, en concreto a toponímia.

 Unha recopilación de mostras para valorar o noso patrimonio, a propia identidade de cada lugar, a historia á que vai vencellada, a persoeiros... que co paso do tempo tende a perderse pola falta de conservación dos costumes tradicionais.

Estes pequenos proxectos xunto con grandes iniciativas como Galicia encantada, Galicia nomeada ou persoas a título persoal que recollen tradicións, nomes de lugares, oficios, lendas, referencias mitolóxicas... axudan a preservar a nosa cultura.

Se é do voso interese, a exposición está aberta a toda a comunidade educativa. 

Convidámosvos a visitala👇


A nosa aportación estivo baseada nos roteiros fotográficos 📷que fixemos polo noso Concello, mostrando as esculturas como " Anacos do Belén". Ademais de facer unha recopilación das lendas que rodean un dos lugares máis misteriosos da nosa contorna, o Pozo do Ollo.
Quixemos facer unha exposición do que nos rodea a través da mirada dos nosos nenos e nenas, co caderno de campo, coa axuda de fotografías, réplicas das esculturas, planos sinxelos, herbarios..

Nas seguintes fotos podedes observar algúns dos traballos dos 14 centros que participamos.
Dende aquí, parabéns a todos os grupos de traballo polos resultados obtidos👏👏👏









Seguiremos co noso legado, afianzando a nosa identidade!!