martes, 14 de xuño de 2016

"Os Planetas" de Gustav Holst (Flipped Classroom)


Dende a materia de Música tamén  se fan achegas ao proxecto documental integrado que estamos a levar a cabo no cole: "Faiuco é astronauta". Así, os nenos e nenas de 5º e 6º curso de Educación Primaria traballaron unha das obras máis coñecidas do compositor británico Gustav Holst: "The Planets", e fixérono a través dunha pedagoxía moi innovadora, a coñecida como Flipped Classroom.

Flipped Classroom ou aula invertida é un modelo pedagóxico que transfire o traballo de determinados procesos de aprendizaxe fóra da aula e utiliza o tempo de clase, xunto coa experiencia do docente, para facilitar e potenciar outros procesos de adquisición e práctica de coñecementos dentro da aula.

Deste xeito, o tempo de clase libérase para que se poida facilitar a participación dos estudantes na aprendizaxe activa, a través de preguntas, discusións e actividades aplicadas que fomentan a exploración, a articulación e aplicación de ideas.


A partir de dous enlaces web proporcionados polo mestre, cada neno/a pescudou na casa toda a información necesaria para aportar na clase e elaborar de maneira conxunta o coñecemento da obra e do autor.


Xa na clase, puxeron en común os datos máis relevantes do autor, así como da súa obra, como os movementos dedicados a cada planeta ou a instrumentación presente, e fixeron unha audición colectiva da mesma. O mestre actuou de guía, mais foron os nenos/as os que construiron as súas propias aprendizaxes a través de búsqueda de información, opinións, preguntas entre eles, pequenos debates..., sendo os totais protagonistas de todo o proceso.



Ningún comentario:

Publicar un comentario