Dentro do proxecto Que animalada! tamén ten cabida a poesía📖
Atopamos varios versos, poemas e estrofas nas que autores galegos aluden aos bechos.
Presentamos nunha instalación artística a poesía galega, onde os bechos dos poemas saen do papel.
Unha actividade que comeza o día 23 de febreiro, Día de Rosalía de Castro, revisando a súa obra para escoller aqueles versos que facían mención a bechos: vacas🐄, bois, pombas, burros🐃, paxaros🐦, pitas🐤... que colleron vida na aula de arte.
Seguimos completando a instalación co poemario doutros autores galegos como Cunqueiro, Antonio García Teijeiro, Gloria Sánchez García, Díaz Castro, Manuel María, Paula Carballeira...
Unha homenaxe artística aos autores galegos a través dos bechos que habitan nos seus versos. Facendo fincapé na linguaxe visual, para transmitir emocións e sentimentos acompañada de verbas que completan a mensaxe.
Dende os animaliños máis humildes da obra de Rosalía ata os seres imaxinarios de Cunqueiro habitan na entrada do noso cole.
No mes de marzo, mes da poesía, puxemos en valor este xénero literario que emprega a palabra como unha ferramenta artística para expresar sentimentos, emocións e reflexións profundas sobre diversas temáticas.
Asemade, o alumnado do terceiro ciclo de EP traballou coa técnica de escritura creativa, creando un novo poema a partir dos textos orixinais de Rosalía de Castro.
Tachan a maior parte das palabras deixando só visibles aquelas que forman unha nova mensaxe, é o que se coñece como blackout poetry.
Unha práctica máis que combina a literatura coas artes visuais.
Quedaron así de vistosos👇

.png)

Ningún comentario:
Publicar un comentario