martes, 7 de abril de 2026

Concerto didáctico

🎸Música, lingua e emoción: Paco Nogueiras pon ritmo ao noso proxecto "Que animalada"!

Rematamos o trimestre coa visita deste cantoautor na Casiña de Faiuco, o alumnado de infantil e os nenos e nenas de 1º e 2º EP puideron gozar da música en galego.

Unha música que non ten límites, normalizando o uso do noso idioma tamén nos tempos de lecer, conectando a tradición coa modernidade, creando comunidade poñendo en valor a música familiar, combinando o humor, a música e a interpretación.

Pero como as palabras sobran, mellor dádelle ao play para ver un anaquiño do concerto


Paco Nogueiras🎼 é coñecido entre o noso alumnado polos seus traballos como Brinca Vai!, Extra!, Radio Bulebule e agora co seu espectáculo Son Animal!

Pero, por si queredes coñecelo máis, os nenos e nenas de 5 anos fixeron unha pequena entrevista ao convidado no estudio de Radio Corpiño

Pasámolo xenial, foi un pracer recibirte Paco, esperamos verte prontiño😍

.

Obradoiro de educación emocional e autoestima

 O servizo de prevención de conductas aditivas dos concellos de Begonte, Castro de Rei, Outeiro de Rei, Friol e Rábade levou a cabo varias actividades na nosa escola co alumnado de 3º e 4º EP e máis na aula de 5º e 6º EP.

Unhas sesións para acadar certos obxectivos relacionados coa educación emocional e a autoestima

☀ Recoñecer emocións

☀ Empregar o diálogo como forma de expresión

☀ Identificar, comprender e expresar emocións.

☀ Expresión de desexos persoais

☀ Traballar sobre o autoconcepto

☀..

Velaquí algunhas fotos das sesións de educación emocional






Moitas gracias por contar con nós nesta iniciativa!!

mércores, 25 de marzo de 2026

Actividade interxeracional

 Con motivo do día de Rosalía de Castro, 23 de febreiro, os nenos e nenas de 1º e 2º EP traballaron coa obra da autora.

Deste xeito, comprobamos dunha forma moi especial que non hai idade para compartir versos da autora máis emblemática do Rexurdimento💚

O noso alumnado visitou o centro de día de Begonte para compartir unha mañá entre versos, emocións e moito agarimo cos nosos maiores 👵👴

Para os usuarios sentirse rodeados da enerxía dos peques estimula a súa memoria e mellora a súa autoestima.

No caso dos nenos e nenas aprenden valores de respecto e empatía, conectando coas raíces e escoitando as voces da experiencia.

Velaquí podedes escoitar os poemas que recitaron nesta actividade.


Moitas gracias a tod@s os usuarios do centro e as persoas que fixeron posible esta actividade, sempre é un pracer participar en iniciativas que poñan en valor a lectura, recitado, poesía, tradición...ao carón dos nosos maiores.



luns, 23 de marzo de 2026

Bechario

 Dentro do proxecto Que animalada! tamén ten cabida a poesía📖

Atopamos varios versos, poemas e estrofas nas que autores galegos aluden aos bechos.

Presentamos nunha instalación artística a poesía galega, onde os bechos dos poemas saen do papel. 

Unha actividade que comeza o día 23 de febreiro, Día de Rosalía de Castro, revisando a súa obra para escoller aqueles versos que facían mención a bechos: vacas🐄, bois, pombas, burros🐃, paxaros🐦, pitas🐤... que colleron vida na aula de arte. 

Seguimos completando a instalación co poemario doutros autores galegos como Cunqueiro, Antonio García Teijeiro, Gloria Sánchez García, Díaz Castro, Manuel María, Paula Carballeira...

Unha homenaxe artística aos autores galegos a través dos bechos que habitan nos seus versos. Facendo fincapé na linguaxe visual, para transmitir emocións e sentimentos acompañada de verbas que completan a mensaxe.

Dende os animaliños máis humildes da obra de Rosalía ata os seres imaxinarios de Cunqueiro habitan na entrada do noso cole.

No mes de marzo, mes da poesía, puxemos en valor este xénero literario que emprega a palabra como unha ferramenta artística para expresar sentimentos, emocións e reflexións profundas sobre diversas temáticas.



Asemade, o alumnado do terceiro ciclo de EP traballou coa técnica de escritura creativa, creando un novo poema a partir dos textos orixinais de Rosalía de Castro.

Tachan a maior parte das palabras deixando só visibles aquelas que forman unha nova mensaxe, é o que se coñece como blackout poetry.

Unha práctica máis que combina a literatura coas artes visuais.

Quedaron así de vistosos👇

Lectura, arte e creatividade




Pelopicopata

 📣📣Extra extra!!

Unha edición especial da Voz do Corpiño sae á luz con motivo da semana da prensa📰

Chega Pelopicopata, chea de novas sobre actividades feitas no cole dentro do noso proxecto Que animalada!

Todas as familias teñen o seu exemplar nas casas para gozar da información e dos pasatempos.

Bulide, non quededes sen ela, os exemplares son limitados😊





martes, 17 de marzo de 2026

Máis saaabor!

 O alumnado de 3º e 4º EP asistiron a unha función no auditorio Gustavo Freire de Lugo, unha actividade escolar de Afundación.

Da man deste espectáculo coñeceremos o mundo da gastronomía e a alimentación saudable.

Mestura música en directo, maxia, humor e moito ritmo e participación dos nenos e nenas.

Dous chefs ofrecen un menú moi grotesco e musical🎶🎶 Unha visita cómica ao mundo dos fogóns para promover o achegamento á cociña, alimentación saudable e o consumo de produtos de proximidade.

Unha función que nos recorda o noso traballo no PDI "Oído Cociña!"

Deixamos por aquí algunha fotiño 📷








luns, 16 de marzo de 2026

Retos de Faiuco

Na semana da prensa 📜 instalamos un quiosco na nosa biblio. 
Faiuco propuxo un novo desafío para dar a coñecer as revistas de animais📂, diferentes exemplares con temáticas diversas sobre o reino animal.

🔔Faiuco deixou nas portas de cada titoría diferentes retos para que o alumnado se parara a coñecer o contido das revistas e puxera atención na información que obtiñan.

 Había artigos de alimentación, sobre curiosidades de bechos, mecanismos de defensa, relacións sociais na manada, artigos sobre razas de cans, horas de descanso...

Este reto implica:
💨 Manexar o índice e coñecer a temática dos distintos artigos.
💨 Ler con atención para atopar datos específicos, comprensión lectora.
💨 Identificar a revista coa temática do reto.
💨 Fixarse nos detalles: fotografías ou titulares.
💨 Saber respostar aos retos despois de ler o artigo. 
💨 Achegarse ás revistas especializadas

Velaquí os retos para Educación Primaria




E outros para o alumnado de Educación Infantil con retos focalizados en atopar fotos, contar patas, buscar insectos, animais pequenos, excrementos...
 

Nesta actividade descubrimos que as revistas son unha ventá increíble para ver o mundo. Non sendo só un entretemento senón unha fonte de información experta e rigurosa, tendo infografías e imaxes que axudan a comprender o texto e por suposto activan a nosa curiosidade.


Reto conseguido!!👏



xoves, 12 de marzo de 2026

Cadeira Vermella de Naila

 E xa a piques de rematar o segundo trimestre o avance dos nenos e nenas de 3 anos é máis que evidente 😊

Senta por primeira vez na Cadeira Vermella Naila que nos relata a historia do conto " Neste conto non hai ningún lobo feroz" de Lou Carter.

😑Alguén caera na conta do complicado que é ser o lobo feroz en todos os contos? 

Sopla para derribar as casiñas dos porquiños, trata coa Carapuchiña vermella... pero nesta ocasión o lobo non aparece.

Se non hai lobo no conto os personaxes deben estar moi contentos, non si? pois parece ser que non, que o lobo ten que aparecer😓

E así e como o conta Naila👇


💗💗💗💗

Un gusto escoitarte!!


E ti, sabes que animal é?

 En Educación Infantil afianzamos a lectoescritura, practicamos o conteo, melloramos a coordinación fina co modelado e traballamos en equipo nesta actividade enmarcada no PDI " Que animalada!"🐾

Si si, fixemos todo iso!!

Comezamos buscando información nos contos e libros de divulgación que temos na biblio. Na hora do conto aproveitamos para seguir coñecendo máis dos animais. Gústanos moito saber deles 😁😁 

📙1, 2, 3 ¡A contar cacas! de Géraldine Collet achéganos a forma das cacas que ten cada animal e faino dende a máis pequena a máis grande.

📘Museo animal de Nadia Belhadj que fai que viaxemos por diferentes salas dun museo e poidamos saber máis dos dentes dos bechos, dos ovos, dos esqueletos, dos excrementos, das pegadas... 

📗O libro dos cus de Eva Manzano foi un toque de humor aos tipos, formas, texturas que teñen os cus dos animais.

Porén traballamos cun contador de cacas, clasificamos animais segundo as accións que poden realizar (nadan, saltan, trepan...), identificamos pegadas co nome do animal, modelamos pegadas de bechos con plastilina... e todo iso para propoñer un pequeno xogo.

Simulamos un paseo no que nos atopamos pegadas de animais e debemos  identificar quen foi o que pasou. Para que sexa máis doado, deixamos unhas tarxetas con pistas nas que describimos como é ese animal.

Poderás facelo?


Namentes, nós seguimos aprendendo máis do reino animal.

Deica outra 👋👋👋


domingo, 8 de marzo de 2026

8M

 O venres, 6 de marzo, homenaxeamos a Jane Goodall unha muller símbolo do liderado feminino, perseverancia e ruptura de barreiras no ámbito científico.

Tendo presente o noso PDI "Que animalada!" buscamos que neste día de reivindicación pola igualdade da muller puideramos seguir coñecendo máis dos animais, porén co estudo a fondo dos chimpancés🐒🐒 coñecemos a Jane Goodall👵

Pioneira na ciencia polas súas achegas ao reino animal; demostrando que estes animais tiñan estructuras familiares sólidas, expresaban emocións e fabricaban as súas ferramentas. Inspiradora pola súa traxectoria na historia como exemplo de empoderamento feminino e unha fiel defensora do planeta.

Unha muller que nos ensinou a escoitar a natureza🌎, a entender a ciencia dende a empatía, a entender que cada acción co medio importa e que a pasión é o motor do coñecemento.

E cunha exposición coas investigacións da súa vida poñemos en valor a súa labor científica na selva de Tanzania.

Os maiores da escola fixeron unha liña de vida, nunha árbore🌿, mostrando os acontecementos máis importantes da súa vida.

Os encargados de indagar sobre os seus descubrimento e investigación cos chimpancés foron os nenos e nenas de 3º e 4º EP, mostrando as ferramentas que fabricaban, o modo de vida e as emocións que expresaban.

Os alumnos e alumnas do 1º ciclo de EP fixeron unha recreación dos utensilios que levaba na mochila para acampar en Gombe, onde pasaba meses ao carón dos 🐒 para poder comprendelos e interacionar con eles.

Finalmente, o alumnado de EI traballou cos membros da familia F, o liñaxe de chimpancés máis coñecido que ela estudou. Comezando pola matriarca Flo, pasando polos seus fillos, coñecendo as crías da súa filla Fifí e indagando sobre as súas relacións de parentesco.

Neste vídeo podedes ver un resumo da exposición oral que fixo o noso alumnado na biblioteca para poñer en común as achegas á vida de Jane Goodall


Feliz día a todas as mulleres, que como Jane, atrevéronse a observar o mundo con ollos novos!!


mércores, 4 de marzo de 2026

Descubrindo o mundos dos canarios

O alumnado de infantil e 1º ciclo de EP recibe a visita de Ana, nai de Gael, que nos presenta aos seus canarios🐤

Este encontro está enmarcado no noso proxecto "Que animalada!" que dentro dos seus obxectivos está o de conectar as aprendizaxes coa contorna e implicar a comunidade educativa. Sendo así, esta familia trouxo a estes paxariños para explicarnos como é a vida dos canarios e cales son os seus coidados.

Algunhas das curiosidades destes bechos con plumas son:

🐤 Aliméntanse tanto de alpiste como de mazás, brocoli, leituga...levan unha dieta moi sá.

🐤 Nacen para ser animais domésticos, non poderían defenderse sós en liberdade.

🐤Teñen gaiolas para ir aos concursos e outras máis espaciosas e confortables para a súa vida diaria.

🐤 Precisan dun adestramento diario para enfrontarse aos concursos; deben estar quietos, cunha postura determinada, boa plumaxe...
🐤Os seus ovos son de cor azul, con 13 días de incubación saen as crías.
🐤Cun par de días colócanselles unha especie de "aneis" nos pés para poder identificalos: cores e numeración distinta.
🐤Hai familias de canarios de distintas cores, formas e tamaños.
🐤...

...e moitas máis cousiñas!!

E se queredes ver os canarios que visitaron A Casiña de Faiuco, aquí deixamos o vídeo resumo 📹




Moitas gracias Ana por achegarnos á vida dos canarios. 
Foi un gusto recibirte!!



martes, 3 de marzo de 2026

A Cadeira Vermella

 Artai, de 3 aniños, tamén participou na dinámica da Cadeira Vermella 😊

Conta a historia de Corre corre cabaciña, coñecida por todos e todas pero cun ton especial e unha narración envexable.

Pídovos que dediquedes un anaquiño a escoitalo 🔊


Cada vez que un neno ou nena pide sentar na cadeira vermella para contar unha historia é un paso máis para a formación de verdadeiros lectores e lectoras😍

Observar e sentir de primeira man o gusto polos contos, por contalos e tamén por escoitalos por parte das nenas e nenos; pasando pola satisfación de ver ao grupo respectando a quenda do compañeiro e rematando por as melloras que supón na súa expresión oral e na "superación" da vergoña é un logro dun traballo colaborativo entre a escola e as familias👌
 
Un gusto escoitarte Artai😀

venres, 27 de febreiro de 2026

Protectora de Lugo

 Dentro do noso PDI " Que animalada!" un dos nosos obxectivos é concenciar da importancia de coidar os animais e potenciar o seu benestar🐾

Porén, a nosa colaboración coa protectora tiña que ser un feito. Recaudamos diñeiro a través do Mercado de Nadal de Begonte e máis coa xa coñecida, carreira San faiuquiño.

Pero non puidemos quedar coa dúbida de saber en que se ía invertir o diñeiro recaudado, por iso visitaron a nosa biblioteca a veterinaria Elena e o presidente da protectora de Lugo, Alberto Losada.

Fixemos entrega do cheque, un neno ou nena representante por aula asistiu á reunión e escoitou os quefaceres deste voluntariad@.


Bela🐕, a cadeliña que os acompañaba, é un claro exemplo da inversión dos fondos pois gracias a eles puido ser operada, despois de ser abandonada pola súa familia cando sufría un grave problema de saúde.

E antes de rematar a reunión, o alumnado de 1º e 2º de Educación Primaria levou aos convidados ao estudio de Radio Corpiño para facer unha entrevista.


Se queredes escoitala, só tedes que pinchar no enlace

Entrevista Protectora de Lugo


mércores, 25 de febreiro de 2026

A Cadeira Vermella

Máis experiencias da renarración de contos das nenas e nenos de Infantil.

 O obxectivo de sentarse na Cadeira Vermella é contar as historias dos contos que levan á casa.

Deste xeito conseguimos que os máis pequenos:

✅Conten historias cunha certa estructuración.

✅ Estimulan a memoria e a atención.

✅ Fomentan o pensamento lóxico.

✅Mellorar a escoita compartida.

✅Potenciar as habilidades sociais.

✅...

Hoxe compartimos a historia do Grúfalo🐂 contada por Mía e recuperamos a renarración de Irati do Becho pelota🌑, que quedara pendente.

Dúas formas de contalo, dúas formas de narrar, diferentes habilidades, distintas técnicas e ambas o fixeron xenial!!

Dádelle ao play si queredes escoitalas, é recomendable subir o volume 🔈🔉🔊




Moitas gracias a todas as familias por axudarnos a traballar o hábito lector e animación á lectura.
Irati e Mía foi un pracer escoitarvos 💕


xoves, 19 de febreiro de 2026

Radio Corpiño: falamos un pouquiño?

 O voluntariado da biblio asiste a unha formación moi especial da radio📻

Da man de Baruk e Pablo aprenderon os rudimentos da linguaxe radiofónica e da composición de melodías, os nenos e nenas foron conscientes da importancia da palabra, da música, dos sons e dos silencios. 

Toca practicar!! E na Sala de Robótica escoitábase a un grupo de rapaces e rapazas entusiasmados/as coas gravacións de sintonías, caretas, jingles e indicativos para a nosa radio.

Algo que ao principio parecía imposible ao rematar a sesión fíxose realidade, cun traballo en equipo e con boas indicacións queda gravada a nosa sintonía para Radio Corpiño.

Polo tanto, este curso conmemoramos o día da radio, 13 de Febreiro, dándolle cada vez máis vida a nosa. Facéndoa persoal e próxima a nós, ao que somos, un cole con moitas ganas de contar cousas!

Queredes saber como foi? Póñede atención ao vídeo resumo desta sesión


Moitas gracias aos nosos formadores por tanto agarimo e bo facer, esperamos que sexa a primeira de moitas visitas.

Radio Corpiño: falamos un pouquiño?

 

venres, 13 de febreiro de 2026

Que animalada de Entroido

  si si... Neste Entroido a nosa escola tivo a visita duns cantos animais invasores😆

Despois do traballo feito nas aulas coas cadeas tróficas de cada un deles, elaborar os pasaportes da paz e falar do obxectivo de salvagardar a biodiversidade rematamos facendo os disfraces.

Unha tarefa que non foi doada posto que tivemos que ter moita paciencia para que os detalles dos nosos animais invasores quedaran reflexados nas propostas. 

Este ano, debido ás condicións climatolóxicas 🌂o noso tradicional desfile polas rúas do pobo tivo que transladarse ao pavillón, unha mágoa 😕

❤ Comezaron o desfile as tartarugas de Florida, unha especie que afecta ao ecosistema acuático xa que ao reproducirse máis rápido e ter un tamaño maior que o galápago común convertese nunha auténtica ameaza, desprazando a especie autóctona das zonas de asoleamento e da alimentación.

❤ Seguen coa exibición os cangrexos de río americanos, unha das especie exóticas máis problemáticas nos ecosistemas fluviais, pois é un escavador incansable. Porta un fungo que é mortal para a especie autóctona, ademais de ter un maior tamaño e reproducirse moito máis rápido.

❤ É a quenda das vespas velutinas, moi coñecidas por ser as depredadoras das abellas. Poden consumir kilos de insectos nunha soa temporada o cal afecta á población das abellas e a súa polinización. Sen esquecer que unha picadura desta especie pode ser moi dañina para o ser humano.

❤ Finalmente, pasean galantemente os bispos vermellos que pese ao seu colorido aspecto son un problema para o hábitat xa que teñen unha adaptación moi doada e logran desprazar a aves insectívoras autóctonas. Converténdose ademais unha praga para os cultivos de cereais.

E non hai festa sen algo de música e unha boa paparota🍵 para despedir ás familias que nos arrouparon durante o noso desfile.

E se queres velo, dálle ao play🔊


Moitas gracias pola boa acollida😍

mércores, 4 de febreiro de 2026

Mandadiños de Faiuco

 A próxima semana comezamos a celebración do Entroido🎭

Estamos preparad@s para a festa💃💃

Faiuco propón uns mandados ben simpáticos para que os nenos e nenas veñan ao cole caracterizados de bechos.

🐞🐕🐦🐅🐠 

Pero non uns calquera, bechos extraños👾

Para iso, este ano os mandados son acumulativos. É dicir o que poñamos o luns debemos de mantelo ata o xoves, cada día da semana imos sumando complementos😅


Tomade nota dos mandados!!

🎭Comeza unha animalada de Entroido🎭

martes, 3 de febreiro de 2026

Xornada de sensibilización

 ENKI proxecto é unha entidade sen ánimo de lucro que loita por dar visibilidade ao deporte adaptado e involucrar a toda a sociedade para conseguir un mundo máis inclusivo.

A inclusión só é posible se todas e todos participamos por iso dende a nosa biblioteca querémonos sumar a este movemento que apoia ás persoas con diversidade a formar parte da sociedade a través do deporte.

Unha proposta enmarcada dentro do Proxecto de vida activa e deportiva (PVAD), que aposta polo movemento e actividade física diaria.

Álex e Ángel, que forman parte do equipo de ENKI, compartiron con nos as súas experiencias de vida e os proxectos que levan a cabo. Grazas aos beneficios que lles aporta o deporte, tanto emocional como físico, experimentaron grandes cambios nas súas vidas. O compañerismo, o esforzo e o espíritu de superación son piares fundamentais para lograr os seus obxectivos.

Unha charla moi amena, con moitas preguntas e tempos de conversa que deixou no alumnado unha grande curiosidade por participar nos encontros provinciais que organizan nas próximas semanas.

Velaquí algunhas fotos da sesión📷






"Teñas ou non algún tipo de diversidade, a inclusión é para ti" Enki proxecto

Emocións en perigo

 O alumnado de 1º a 4º de Primaria, visitamos en Ferrol, a exposición de fotografía  “Emocións en perigo”.

 O autor é Tim Flach, que é un dos fotógrafos de animais máis prestixiosos, a nivel mundial. 📷

A través da súas instantáneas, puidemos coñecer diversos animais que están en perigo de extinción  como axolote, a ra azul, a tartaruga angonaka, o panda xigante, o peteiro zapato, o cabaliño de mar barrigudo, o mono de nariz chato, o guacamaio de Spix, o guacamaio militar, a bolboreta monarca, o voitre africano etc…

Tamén puidemos participar nun obradoiro de plástica, onde decoramos uns axolotes e creamos os seu hábitat.

Botádelle un ollo ao seguinte vídeo👇


Tim Flach: "Conectar ás persoas coa natureza"

luns, 2 de febreiro de 2026

Pasaportes da paz

 O pasado venres o noso alumnado expuxo na biblioteca o resultado dun longo traballo sobre especies autóctonas e invasoras en Galicia.

Con motivo do noso PDI "Que animalada" elaboramos pasaportes da paz para falar da necesidade de vivir en harmonía coa natureza🌄

Entendendo que os animais tamén son seres vivos que precisan vivir en paz, que eles mesmos buscan estratexias para convivir con especies que chegaron aos seus hábitats por diversas circunstancias.

Recordando deste xeito un dos nosos obxectivos neste proxecto, salvagardar a nosa biodiversidade🌍

É por elo que os nenos e nenas investigaron sobre algunhas das especies invasoras que foron asentándose en Galicia; tartaruga de Florida, o cangrexo de río, a avispa asiática e o bispo vermello.

A que especies afectan? comos se adaptan ás novas características do seu ecosistema? crean modificacións nas cadeas tróficas? como sobreviven as especies autóctonas? como crees que poden convivir?

E tentando responder a estas cuestións celebramos o Día da Paz creando pasaportes que simbolizan a necesidade de convivir entre distintas especies respectando ao noso medio. 

Unha actividade para identificar valores de convivencia, de protección como acto de paz, de compromiso co medio que nos rodea e sobre todas as cousas de coñecemento da nosa fauna.

Ao rematar as exposicións selamos os pasaportes cun selo elaborado polas aulas que representa o noso compromiso.

Velaquí un anaco do noso acto nun vídeo resumo


👉 Os nenos e nenas de Educación Infantil trouxeron un "rolo de conto" para presentar a historia de Flora, unha tartaruga de Florida que foi abandonada nun estanque. Este acto trouxo serios problemas a tartarugas que vivían nese ecosistema, como foi o caso de Pepo, un galápago autóctono.

👉 O alumnado do 1º ciclo de EP explicaron polo miúdo as características do cangrexo de río e como a bactería que porta e letal para o cangrexo autóctono. 

👉O caso da avispa asiática foi tratado polo alumnado do 2º ciclo de EP.  Comentaron como era o seu aspecto e as diferenzas co avispón e como actúa como depredador masivo da abella, sendo un grave problema para apicultura.

👉 Finalmente, os maiores, fixeron un pequeno resumo da cadea trófica sá que altera o bispo vermello. Unha ave da familia das texedoras que compite co pardal por sementes e brotes, que ten unha capacidade de adaptación moi boa e causa graves problemas nos humedais.


30 De Xaneiro; compromiso, empatía e responsabilidade

Bo traballo!!